As Josefinas celebran o Día de Europa.
O xoves 8 de maio trasladamos as aulas á rúa. Os embaixadores e embaixadoras júnior do programa EPAS, xunto cos compañeiros de Erasmus e Voz Natura, levaron o proxecto "Planta a semente de Europa" á praza do Bispo Cesáreo. Inaugurou a xornada Rosendo Fernández, Deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, que eloxiou o traballo do alumnado facendo fincapé no enorme impacto que teñen os conflitos armados sobre o medio ambiente, que pode durar décadas, e a necesidade da concienciación cidadá no coidado do medioambiente.
Esta iniciativa internacional eTwinning está coordinada polo noso colexio e nela participamos escolas de España, Italia , Polonia, Rumanía, Eslovaquia e. Turquía. Dende outubro de 2025 investigamos o impacto dos conflitos armados no medio ambiente e traballamos en rede para analizar a fraxilidade dos nosos ecosistemas. Como froito deste labor, escollemos unha árbore embaixadora para entregar á cidadanía como símbolo de paz e sostibilidade.
Douscentos castiñeiros foron repartidos hoxe entre a veciñanza. Cada persoa que levou un exemplar adquiriu o compromiso de xeolocalizalo nun mapa colaborativo, tecendo así unha rede dixital e verde que une territorios baixo unha mesma identidade. Deste xeito, celebramos unha cidadanía europea comprometida coa paz, a sostibilidade e o coidado do medio ambiente comezando pola nosa contorna máis próxima.














































